OBRADOIRO PARA A RAPAZADA · ANTIFÉMINA · COLITA
A exposición A_ntifémina_ achéganos á ollada de Colita, pioneira da fotografía documental en España e autora de imaxes que retratan o paso do franquismo á democracia. A través delas, poderemos descubrir como era a vida durante os anos da Transición e coñecer historias de mulleres reais que, mesmo en contextos que lles negaban o dereito a decidir libremente sobre a súa propia vida, abriron camiños e fixeron visibles outras maneiras de estar no mundo.
Colita puxo a súa cámara ao servizo de algo fundamental: dar voz e visibilidade ás mulleres. Nas súas fotografías aparecen traballadoras, artistas, veciñas, amigas… mulleres diversas que comparten forza, dignidade e unha historia que merece ser compartida.
Neste obradoiro, a rapazada converterase en pequena exploradora da fotografía. Observaremos as imaxes de Colita, falaremos do que nos contan e descubriremos como unha fotografía pode servir para mirar a realidade con outros ollos e para reivindicar as historias que ás veces quedaron ocultas.
A actividade propón un espazo creativo no que a rapazada poderá reflexionar, imaxinar e expresar a súa propia visión do mundo a través das imaxes, entendendo que todas as historias merecen ser vistas e escoitadas.
As prazas son limitadas, reserva a túa canto antes!
Datas: sábado 18 e sábado 25 de abril
Lugar: Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia (sala de exposicións)
Hora: 11.30 h
Duración: 2 horas
Dirixido a: rapazada de 6 a 12 anos
Acceso: de balde previa inscrición no formulario.
As participantes deberán chegar ao Auditorio 15 minutos antes do inicio da actividade acompañadas por unha persoa adulta, que tamén deberá recollelas ao seu remate.
No caso de que algunha persoa adulta acompañante queira compartir a actividade, deberá indicalo no formulario.
Imaxe de encabezado: Xitaniña en Montjuïc. Barcelon, 1963. © Archivo Colita Fotografía.