BIBLIOTECA EN ACCIÓN. «UNHA CATEDRAL TRALA FIESTRA»
A biblioteca do Museo presenta unha mostra bibliográfica dedicada á Catedral de Santiago no terceiro andar do Museo, sede de Praterías.
Din as primeiras fontes escritas que un ermitán, Paio, observou unhas luces prodixiosas nun lugar abandonado do monte Libredón. O Bispo de Iria, Teodomiro, tras uns días de xexún e meditación, trasladouse alí e descubriu unha pequena cámara que resgardaba unha tumba de mármore, que identificou como a do Apóstolo. Nese lugar, baixo o reinado de Afonso II (791-842), construíuse unha primeira e humilde igrexa dedicada a Santiago o Maior. Este sería o xerme da actual catedral.
Na actualidade, a miúdo esquecemos que o marabilloso e extraordinario xogou un importante papel no pensamento humano durante séculos ata a Ilustración. Os mitos e lendas transmitíanse por tradición oral configurando un mundo no que milagres e feitos sobrenaturais fundíanse coa realidade esvaecendo os seus límites. O achado da tumba do Apóstolo converteu unha zona case abandonada nun lugar sagrado, nun centro de culto e peregrinación que perdura ata os nosos días.
A Catedral medrou a medida que a peregrinación e a cidade o facían. A primeira igrexa, que constituíu nun inicio o Locus Sancti Iacobi (lugar santo de Santiago), xunto cun baptisterio e un mosteiro, foi substituída xa por Afonso III e a construción foi crecendo ao longo do tempo en tamaño e beleza.
Ante o miradoiro desta planta do Museo o visitante chega ao final da súa visita, e igual que o peregrino ao final do seu camiño, observa a Catedral que se asoma á modernidade trala fiestra. Desde a biblioteca do Museo presentamos esta pequena mostra de publicacións esperando que nos acheguen máis a ela.
- Martes
- 09:30 – 20:30
- Mércores
- 09:30 – 20:30
- Xoves
- 09:30 – 20:30
- Venres
- 09:30 – 20:30
- Sábado
- 11:00 – 19:30
- Domingo
- 10:15 – 14:45