Visita guiada á exposición «As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI» no Museo Centro Gaiás
O venres, 8 de maio, ás 11.00h o Ateneo de Santiago realizará unha visita guiada á exposición «As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI», situada no Museo Centro Gaiás.
As prazas son limitadas polo que todo aquel que queira participar deberá inscribirse no enderezo ateneo@ateneodesantiago.gal ata o xoves, 23 de abril, admitíndose unicamente a inscrición dun máximo de dúas persoas en cada solicitude. No caso de inscribirse máis persoas que prazas dispoñibles, as admisións realizaranse mediante un sorteo, que se levará a cabo o luns, 27 de abril, ás 12h no local social do Ateneo, tendo preferencia de admisión os/as ateneístas.
Comisariada pola artista e investigadora, Mónica Alonso, esta exposición de arte contemporánea singular reúne máis de 80 pezas de 63 artistas, dende grandes nomes históricos como Castelao, María Antonia Dans, Eugenio Granell, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Seoane e artistas de recoñecida traxectoria como o premio nacional de fotografía Manuel Vilariño, a fotógrafa Mar Caldas, o escultor Manolo Paz e os pintores Antón Lamazares, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas, ata as xeracións máis novas que están a gañar recoñecemento a nivel estatal e internacional, representadas por Mar Ramón Soriano ou Sergio Marey, entre outros moitos. Dividido en catro apartados correspondentes a cada estación, o deseño está concibido para activar as emocións e á vez focalizar a atención nas obras de arte, seguindo os principios das investigacións ao redor da neuroestética e a neuroarquitectura, que abordan como o ser humano percibe, procesa e sente a arte e a beleza a nivel neurolóxico e psicolóxico.