Proxección da película «El Bola» de Achero Mañas
O martes, 28 de abril, ás 19.00h o Ateneo de Santiago ten programada na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19, de Santiago de Compostela) a proxección da película «El bola» de Achero Mañas. Esta proxección, comprendida dentro da V Mostra Internacional de Cine e Educación (CINEDUCA), estará presentada e comentada por José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor emérito da USC.
El Bola
Director: Achero Mañas
España, 2000
El Bola é un rapaz de 12 anos que vive nunha atmosfera violenta e sórdida. A súa situación familiar, que oculta avergonzado, incapacítao para relacionarse e comunicarse con outros rapaces. A chegada dun novo compañeiro á escola bríndalle a oportunidade de descubrir a amizade e unha realidade familiar completamente distinta. Todo isto daralle a forza necesaria para aceptar e facerlle fronte á súa propia situación.
José Manuel González Herrán, Catedrático de Literatura Española e Profesor Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, é conferenciante e Profesor invitado en Universidades españolas e estranxeiras. Ten publicado ou editado varias monografías, edicións críticas e anotadas, volumes colectivos, etc. sobre autores españoles dos séculos XVIII, XIX e XX. Entre 1994 e 2016 dirixiu na USC un grupo de investigación encol Emilia Pardo Bazán. É membro dos consellos editoriais e comités científicos de revistas e editoriais da súa especialidade, Director do Boletín da Biblioteca de Menéndez Pelayo, Académico correspondente da Real Academia Galega e Presidente da Sociedade de Literatura Española do século XIX (SLESXIX).