Hamlet

Texto

De Tito Asorey e Vanesa Sotelo a partir do texto orixinal de William Shakespeare

Ao longo da súa traxectoria, o CDG achegouse en varias ocasións ao universo shakespeariano con m...

De Tito Asorey e Vanesa Sotelo a partir do texto orixinal de William Shakespeare

Ao longo da súa traxectoria, o CDG achegouse en varias ocasións ao universo shakespeariano con montaxes que conseguiron gran recoñecemento artístico e unha excelente acollida do público. Desde As alegres casadas, en 1989, ata Shakespeare en Roma, en 2023, pasando por títulos como Un soño de verán (1992), Ricardo III (2005) ou Noite de Reis (2007). Porén, chama a atención que Hamlet, probablemente a peza máis célebre do dramaturgo inglés, nunca formara parte ata o de agora do seu repertorio.

Tras a morte do rei de Dinamarca, o príncipe Hamlet regresa ao castelo de Elsinor e atópase cunha corte transformada: súa nai, Gertrud, casou rapidamente con seu tío Claudio, que agora ocupa o trono. Pouco despois, o espectro de seu pai revélalle un segredo terrible: asasinouno Claudio. Desde ese momento, Hamlet queda atrapado entre a necesidade de facer xustiza e as súas propias dúbidas. Mentres intenta confirmar a verdade e decidir como actuar, o príncipe adopta un comportamento errático que desconcerta a todos ao seu redor. As sospeitas, as intrigas políticas e os xogos de poder van envolvendo a corte, afectando tamén as relacións persoais de Hamlet, especialmente coa inocente Ofelia.

A medida que a tensión medra, as mentiras e as vinganzas desencadean unha cadea de traxedias que conduce a un enfrontamento final no que se saldan contas antigas e o destino de Dinamarca queda marcado para sempre.
Todo o humano cabe en Hamlet. Unha historia onde o heroe é por veces luminoso e moitas veces escuro, en conflito continuo e en dúbida constante, que se destila nese ser ou non ser xa convertido en icona pop. É teatro en maiúsculas, porque non hai nada máis dramático que a dúbida. Nin nada máis galego.

SER, SOMOS

Fran Núñez| Director do Centro Dramático Galego

Hamlet é un texto ao que hai que volver sempre. O Centro Dramático Galego nunca montou Hamlet, o de Shakespeare, porque o de Cunqueiro si que se montou dúas veces. Así que, no noso caso, volvemos a Hamlet e chegamos por primeira vez aoHamlet de William Shakespeare.

Din que os clásicos son clásicos porque resoan no presente. Tamén porque falan de nós. E iso confróntanos.

Hamlet é un dos máis brillantes exemplos de teatralidade, de metateatralidade. Unha compañía de teatro dentro dunha obra de teatro, unha farsa honesta que expón a mentira e a podremia do ser humano. Por iso o teatro segue vivo en tempos de intelixencia artificial, de plataformas de contidos e de redes sociais, porque o teatro é un encontro, porque non hai nada que supere o ser e o estar xuntos. Uns, no escenario, xogando a ser e, outros, no patio de butacas, intentando ver sen ser vistos. Pero dun lado e doutro do pano sabemos que estamos a compartir un momento único que non volverá pasar, porque esa é a maxia do teatro.

En tempos de soidade, de illamento, de individualismo, lembrar que non estamos sós, porque como mínimo para que exista o teatro ten que haber dúas persoas: o que fala e outro que mire. Iso, hoxe, tal e como está o mundo, xa é moito. Porque á eterna pregunta de se somos ou non somos, que dicía Hamlet, o teatro dános unha resposta: somos. Somos parte de algo, somos seres sociais que compartimos, que nos encontramos.

Levamos dous mil anos anunciando a morte do teatro e cada día está máis vivo. Porque o teatro non deixa de existir mentres exista a necesidade do ser humano de compartir, de coidar, de acompañar. O teatro é iso. Din que un dos primeiros signos de humanidade foi un óso quebrado e soldado que se atopou nun xacemento arqueolóxico. Porque alguén tivo que coidar do outro. E o teatro é unha tarefa colectiva baseada niso, no outro, nese coidado entre o equipo artístico, o equipo técnico e o público. E por iso o teatro nunca vai morrer, porque é brutalmente humano.

Ás veces penso que a humanidade merecemos extinguirnos, pero logo penso que con iso extinguirase o teatro e pásame. Un anaco.

AVISO DE SEGURIDADE:

Esta produción contén efectos de iluminación intermitente/estroboscópica e sons de alto impacto.

COMPROMISO COA ACCESIBILIDADE:

Todas as representacións contarán con interpretación en linguaxe de signos, audiodescrición, programa de lectura fácil e acceso para persoas con mobilidade reducida.

As butacas para PERSOAS CON MOBILIDADE REDUCIDA serán adquiridas na billeteira do Salón Teatro os días de función dende as 16:00 ata a hora do inicio da función (18:00 h) presencial ou telefónicamente (881 867 223). Tamén poden reservarse no enderezo electrónico centro.dramático.galego@xunta.gal

Os dispositivos de audiodescrición serán solicitados ao persoal de sala.

FUNCIÓNS DESCONTRAÍDAS - MÉRCORES ÁS 18:00 H:

Como parte das medidas de accesibilidade adoptadas polo CDG, os mércores ás 18:00 h haberá sesións descontraídas coas que se pretende crear un ambiente acolledor para aquelas persoas con necesidades especiais ou diversidade cognitiva e/ou sensorial. Ademais das medidas de accesibilidade comúns a todas as representacións, nestas sesións descontraídas redúcense as restricións propias dos protocolos de asistencia a espectáculos teatrais: non hai escuridade total no patio de butacas e permítese a entrada e saída da sala, tendo, ademais, unha maior tolerancia a sons e movementos no patio de butacas por parte dos equipos que traballan na escena.

Ver máis

Autoría

A TRINCHEIRA DO HUMANO
Tito Asorey e Vanesa Sotelo | Dirección e codramaturxia

Hamlet é, sen dúbida, a peza teatral máis famosa da historia, escrita arredor do 1600 por un home que ...

A TRINCHEIRA DO HUMANO

Tito Asorey e Vanesa Sotelo | Dirección e codramaturxia

Hamlet é, sen dúbida, a peza teatral máis famosa da historia, escrita arredor do 1600 por un home que pretendeu, coma Atlas, coller a esfera da Terra nas súas mans e, con ela, todos os asuntos humanos, e plantalos no seu pequeno teatro do sur de Londres, The Globe. Desde ese lugar, o teatro pasaría a ser un espello no que a humanidade puido observarse dun xeito crítico a través de pezas que son obras mestras inesgotables de pura paixón e acción escénica.

Hamlet é unha traxedia de vinganza na cal o seu protagonista, de xeito paradoxal, non ten as características propias dun heroe de acción, asolado por unha conciencia que lle dificulta habitar nun mundo moralmente apodrentado. A través da súa peripecia, a pluma mestra de Shakespeare constrúe unha peza poliédrica e dificilmente etiquetable que desborda os límites de calquera categorización, porque Hamlet é unha traxedia de vinganza, pero tamén unha peza sobre o amor e o maltrato; é a historia dun mozo que se sente abandonado pola nai, pero é tamén o relato dunha nai que loita por defender o seu dereito á felicidade; é unha das primeiras pezas que nos fala da saúde mental, un thriller de vinganza, unha historia de pantasmas, unha peza de teatro político, por veces filosófico e por veces metafísico, un drama psicolóxico, unha truculenta historia de violencia que acaba nunha tremenda carnicería final e tamén o reflexo da loita dunha xuventude que se ve obrigada a loitar pola orde dunha xeración anterior, deixando a súa vida nunha contenda que lle vén dada, pero que non elixiu. É, en definitiva, unha obra mestra sobre a dificultade de acadar a verdade nun mundo que fixo da mentira e da manipulación do relato a súa normalidade, e tamén a historia de dous mozos que se ven obrigados a vingar os seus pais, cando eles quizais non merecían tanto esforzo.

Todo iso é Hamlet, todo o humano cabe en Hamlet. Nestes tempos en que as máquinas semellan ser humanas, é esencial reflexionar sobre o que nos fai verdadeiramente humanos. Porque o problema quizais non é que as máquinas sexan cada vez máis semellantes a nós, senón que nós imitemos cada vez máis o xeito de pensar das máquinas. O abismo ao que nos fai asomar Hamlet pode ser un xeito de posicionarnos na trincheira do que realmente significa ser humano.

Ver máis

Dirección

Tito Asorey: "Este Hamlet non é só unha obra de teatro, é un acontecemento cultural", afirma Asorey, quen salienta a dimensión colectiva dun proceso creativo que devolve vida e present...

Tito Asorey: "Este Hamlet non é só unha obra de teatro, é un acontecemento cultural", afirma Asorey, quen salienta a dimensión colectiva dun proceso creativo que devolve vida e presente ás palabras do bardo inglés desde os nosos días.

Ver máis

Elenco

Sergio Abelaira Cristina Andrade Belén Constenla Raquel Espada Isabel Garrido César Goldi Alejandro Jato Marita Martínez Iolanda Muíños Anxo Outumuro Pedro Placer Adrián Ríos Machi Salgado Toni Salgado Inés Salvado Gontad Sergio Zearreta

Sábado 25 de abril 2026

Salón Teatro

iCal Google Calendar Microsoft 360

Todas as funcións de «Hamlet»